O cómputo de agosto na prescrición das faltas.

Á hora de calcular o prazo de seis meses para a extinción da responsabilidade dunha falta, cabe preguntarse se hai que contar o oitavo mes do ano.

A prescrición é unha causa de extinción da responsabilidade criminal, orixinada polo transcurso dun prazo de tempo, legalmente fixado, sen que o procedemento se dirixa contra o culpable da infracción, ou no que o procedemento estea paralizado. Ao abeiro do artigo 131.2 do Código Penal as faltas prescriben aos seis meses.

Á hora de calcular cando se cumpre o prazo de seis meses fixado para a prescrición dunha falta, cabe preguntarse se hai que computar ou non o mes de agosto. A continuación examinaremos, dun xeito crítico, as argumentacións existentes a prol de cada unha das dúas teorías.

A tese que defende a exclusión do mes de agosto, a máis favorable ao xulgado considerado coma un “ente”, é a minoritaria. Fundaméntase esta teoría, en que o mes de agosto, por resultar inhábil, ten que ser excluído do cómputo no cálculo da prescrición das faltas.

O artigo 183 da Lei Orgánica do Poder Xudicial declara inhábil o mes de agosto para todas as actuacións xudiciais agás as que se declaren urxentes. Pola súa banda, o artigo 184 da mencionada lei establece que todos os días do ano son hábiles para a instrución das causas criminais, sen necesidade de habilitación especial. Agora ben, nos xuízos de faltas non hai propiamente unha fase de instrución (así o ten declarado o Tribunal Constitucional, aínda que con referencia a un tema distinto, o do dereito a un xuíz imparcial, en sentenzas 34/1985 e 54/1987), polo que o mes de agosto non se computaría a efectos de prescrición ao ser un período inhábil.

Os defensores da exclusión do mes de agosto citan a prol da súa teoría as sentenzas da Audiencia Provincial de Sevilla, do 3 de setembro de 2007, e da Audiencia Provincial de Barcelona, do 28 de xaneiro de 2003.

Polo que respecta á sentenza de Sevilla, non se di que ten que descontarse do cómputo o mes de agosto. O que afirma a resolución é que aínda que se descontara, terían pasado igual os seis meses: “Deste resumo de vicisitudes procesuais resulta con toda claridade que entre o 6 de xuño de 2006 e o 24 de xaneiro de 2007 media un período de absoluta inactividade procesual, durante un lapso superior a seis meses (mesmo aínda que se descontase por inhábil o mes de agosto) polo que a tal presuposto fáctico élle de aplicación, con meridiana claridade, o disposto nos artigos 130.5, 131.2 e 132.2 do Código Penal” . Facendo un símil deportivo: se un xornal di que o Sporting de Lisboa non lle metería un gol ao Porto aínda que o partido durase ca- tro días, non por iso se pode concluír que o partido durou eses catro días.

Pero é que, ademais, unha sentenza posterior da Audiencia Provincial de Sevilla (neste caso da sección 4a), de 26 de novembro do 2008, implicitamente ou, se se quere, “de facto” computa o mes de agosto á hora de estimar a prescrición nun procedemento dun xuízo de faltas, ao expresar que: “unha nova paralización do procedemento prodúcese xa na segunda instanza, ao sinalarse o 17 de abril de 2008 a deliberación e fallo do recurso para o 6 de novembro do mesmo ano (se non se computa o mes de agosto non terían transcorrido os seis meses, senón que o prazo tería rematado o 17 de novembro) sen que a conseguinte actividade procesual absoluta durante o lapso intermedio deixe de selo polos feitos de que poida xustificarse ou desculparse pola carga de traballo existente, as datas de sinalamento dispoñibles ou o imperativo legal de resolver os asuntos polo orde da súa conclusión que resulta do artigo 249 da Lei Orgánica do Poder Xudicial.”

A sentenza da Audiencia provincial de Barcelona, do 28 de xaneiro de 2003, si que semella clara á hora de posicionarse en favor da exclusión do mes de agosto no cómputo da prescrición nos xuízos de faltas ao sinalar: “Non se aprecian aquí motivos importantes que teñan impedido a celebración do xuízo de faltas moito antes de que transcorresen eses oito meses (descontando agosto, por ser inhábil para o axuizamento) entre o último dato esencial obtido – parte de sanidade do lesionado que reclamou por medio de denuncia– e a vista oral correspondente”.

Pero ao respecto hai que matizar que, en primeiro lugar, a Audiencia Provincial pode estar a referirse ao estudo da posible existencia de motivos que impedisen a celebración do xuízo. En segundo lugar, no suposto reflectido na sentenza, os seis meses de paralización xa se terían cumprido con anterioridade ao mes de agosto, polo que non tería moita razón de ser a interpretación que se lle dá ao seu contido. Tomando como punto de partida o 10 de decembro de 2001 a prescrición xa tería acontecido o 10 de xuño do mesmo ano, antes polo tanto do mes de agosto. Finalmente, tanto a sentenza de Barcelona, como a de Sevilla do 3 de setembro de 2007, citadas en defensa desta teoría, son estimatorias da existencia de prescrición.

Na outra banda do debate, os argumentos favorables a incluír o mes de agosto no cálculo do prazo da prescrición das faltas, sinalan que no ámbito penal ten que darse necesariamente unha interpretación non restritiva da institución da prescrición (Sentenza do Tribunal Supremo do 13 de outubro do 1995). E todas as dúbidas que se poidan suscitar encol da posible prescipción deben resolverse sempre con suxeición ao principio in dubio pro reo (Sentenza do Tribunal Supremo do 21 de xuño de 2006). Ademais, o artigo 131.2 do Código Penal establece un prazo de prescrición para as faltas computado en meses (6 meses). De conformidade co artigo 5 do Código Civil, cando os prazos están fixados por meses, computaranse de data a data. Polo tanto, sen exclusión dos días procesualmente inhábiles.

E non hai que esquecer que a norma que establece que o mes de agosto é inhábil é unha norma de natureza adxectiva. A prescrición, fronte ao que se viña afirmando, é unha institución de dereito material e non de dereito procesual, (nese sentido, sentenza do Tribunal Supremo do 28 de febreiro de 1992).

Trátase dunha institución que pertence ao dereito material penal, concretamente á noción do delito e non ao ámbito das estruturas procesuais da acción persecutoria (Sentenzas do Tribunal Supremo do 20 de setembro do 1993 e do 8 de febreiro do 1995).

Entre as resolución xudiciais que apoian o necesario cómputo do mes de agosto, compre destacar que a Audiencia Provincial de Madrid, en acordo no xurisdicional, do 26 de maio de 2006, sinalou que “debe computarse o mes de agosto para a prescrición das faltas, xa que cando a lei fala de meses ou anos teñen que computarse integramente e de forma continuada (art.5 CC) sen que se poidan excluír os días procesualmente inhábiles. (…) Na dúbida, sempre habería que inclinarse cara esta solución en aplicación do principio pro libertate”. Este acordo acadouse por vinte e seis votos a favor e dous en contra.

Tamén as sentenzas da Audiencia Provincial da Coruña, sección Segunda, de data 12 de febreiro de 2007, da Audiencia Provincial de Cádiz, Sección 4.a do 21 de marzo de 2000, e da Audiencia Provincial de Santa Cruz, do 30 de abril de 2010, implicitamente, computan o mes de agosto á hora de estudar a posible prescrición das faltas imputadas.

Ver artículo en formato original: PDF